A música blues ten un terreo vizoso en Ferrol. Varios son os artistas
que practican este xénero pero poucos coa calidade instrumental do
guitarrista Víctor Aneiros e do virtuosismo vocal de Julie Guravich.
Ambos estarán ás 22.30 horas de hoxe no Centro Torrente Ballester xunto
coa súa banda dentro do ciclo “As Noites en Capela” presentando o froito
dun ano de traballo, o disco “Back from the blues”.
A presentación
do mesmo tivo que adiarse debido a un problema de saúde de Guravich,
afortunadamente resolto. “Retrasamos un pouco o apoio ao disco con
concertos, pero xa estamos todos xuntos para continuar e tratar de
levalo á maior cantidade de xente posible”, sinala Víctor Aneiros.
Obxectivo
Durante un ano o grupo de Aneiros e Guravich
estiveron traballando nos estudios de Víctor Gacio en Neda un son e
unhas cancións que sabían que ían ser miradas con lupa. “Despois de
convencer a Julie de facer uns temas clásicos, non todos moi coñecidos,
ela comentoume que tiña algunhas letras escritas. Puxémonos a traballar e
acabaron converténdose en tres dos temas de “Back from the blues”, que
ademais creo que son dos que mellor quedaron. Quizais co tempo
poderíamos ter feito incluso un repertorio propio se tardáramos máis en
gravar o traballo. O caso é que os clásicos do disco que eliximos non
están moi “machacados” e os máis coñecidos, como “Same old blues” ou “I
can´t stand the rain”, soan moi distintos ao estándar, cun son moi
sureño ou máis soul nalgúns casos. A verdade e que quedamos moi
satisfeitos”, comenta Aneiros.
O guitarrista destaca que “a desta
noite será a segunda presentación que fagamos en Ferrol, así que todo
está moi fresco, é moi novo”.
En canto ás vendas de “Back from the
blues”, o cantante e guitarrista ferrolán comenta que “o disco estase
vendendo ben, dada a situación de crise discográfica e xeral, pero a
aposta que facemos nós está a gustar. Ao mellor está mal dicilo nestes
tempos, pero estamos ilusionados. É certo que se venden poucos discos e
que están caendo moitos festivais, e os que funcionan levan a estrelas
internacionais ou músicos locais, pero nós somos corredores de fondo e
sabemos que non nos queda outra que seguir correndo”. n