O Recanto do Corcovado 1299 Estreamos os novos discos do proxecto GAUR e
Marjo Smolander. Estreamos tamén as novas cancións de Manuel Maio,
Jembaa Groove e Pauanne. Pechamos o programa con Pablo Guerrero. O
Recanto do Corcovado 1299 ten emisión o venres 17 de decembro a través
de RKV Radio, sábado 18 por Cuac FM A Coruña e a Radio Municipal de Redondela. O mércores 22 a través de RCFM Radio Crónica Folk Musical.
No ano 2013 presenteivos por vez primeira a música da cantante bilbaína
Noa Lur. Fíxeno a través do seu disco “Badakit”, unha delicia jazzística
de corte enérxico e á vez intimista que nos permitiu descubrir unha vez
tan inqueda coma persoal. Noa Lur é unha das responsables do proxecto
GAUR (“Hoxe”, en galego), editado hai escasos días. Gravouno en íntima
complicidade con Ander García (contrabaixo), David Fernández (batería) e
David Sánchez (piano). No disco versionan distintas pezas, parte delas
popularizadas por grandes nomes das músicas bascas, coma é o caso dos
Oskorri ou Mikel Laboa. O resultado é sensacional. Velaiquí o noso disco
destacado da semana, co cal abrimos o programa desta fin de semana.
Estréovos tamén un adianto do novo disco do cantor e músico portugués
Manuel Maio, antes de vos presentar dúas novidades finlandesas. A
primeira, o primeiro sinxelo do que vai ser o novo disco duns vellos
coñecidos do programa, o trío Pauanne. A segunda, o primeiro disco en
solitario da solista de kantele Marjo Smolander, a quen coñecemos a
través do seu traballo no dúo Zäpämmät. Pechamos o programa con outro
sinxelo, o novo tema da banda afincada en Berlín Jembaa Groove. Funciona
como adianto do que vai ser o disco debut do grupo, que sairá á rúa na
primavera do vindeiro ano 2022. Nel hai matices funk, soul e elementos
do High Life da costa oeste africana. Unha marabilla. Completamos o
programa cun tema do último disco de Pablo Guerrero.
https://rkvradio.com/o-recanto-do-corcovado/o-recanto-do-corcovado-1299