Para moitos facer blues en galego pode parecer tan estraño como cantar unha muiñeira en checo. Vítor Aneiros e a súa banda veñen de darlle unha volta ás tornas do convencional presentando o seu novo disco O blues do amencer .
Xa había algo de blues na súa guitarra cando comezou a tocar nos oitenta, entre o rock americano, o heavy lixeiro e o pop dos Tamara. A odisea de gañar a vida como músico presentábase máis lonxe que o título de mestre industrial en electricidade, pero Robert Johnson, Buddy Guy e Muddy Waters seguían a turrar dos seus dedos, os da man esquerda, como Jimmy Hendrix.
Músico autodidacta, aprendeu a tocar escoitando os discos dos grandes músicos do rock que, como Eric Clapton, teñen algo de blues, un sentimento que para o músico “é moi galego”.
Despois de debutar co álbum Que el blues te acompañe (1999), que gravou co grupo Blue Notes, e de darse a coñecer co directo Live en Montreux (2003) xa coa súa actual banda, Víctor Aneiros vén de publicar un traballo que non encontra semellante na historia discográfica do país, O blues do amencer , un disco que sona aos clásicos do xénero pero que conta en galego historias de aquí, unha sorte de ponte entre o Mississippi algodoeiro e o naval de Ferrol.
Con temas orixinais, o ferrolán e o seu grupo, composto por Manuel Gutiérrez ao piano, Marcos Sánchez como batería e Aejandro Masafret no baixo, presentan un álbum inspirado na súa cidade, con letras que dan conta da historia recente de Galiza, as traxedias cotiás e a eterna emigración. Son letras que tira dos xornais, dos libros e do que lle contan. Música do real, como o seu Prestige blues , tema escrito sen máis intención que amosar “un home da rúa moi cabreado cos seus gobernantes”.
A discográfica vasca Gaztelupeko Hotsak foi a encargada de editar este novo traballo de Víctor Aneiros. “Foron eles os que máis me animaron a escribir todo en galego, eu tiña algunhas dúbidas porque en Galicia non se venden case discos, polos causas que sexa, e se non te escoitan no país que será fóra”, comenta o músico. Esa mesma editora xa lle publicara o seu segundo traballo Live Mountreux , a gravación do directo realizado pola banda no Festival de Mountreux, unha das citas máis destacadas dentro do mundo do blues a nivel internacional. Nesa edición, que serviu ademais de homenaxe a B.B King, Victor Aneiros band compartiu escenario con Buddy Guy, Raimundo Amador, Coco Montoya e Larry McCray.
|