A vocalista galega de jazz está acompañada por Chris Kase e Manuel Gutiérrez .
J. C. M.
A empresa discográfica Errabal de Soraluze (Guipúscoa) editou o primeiro disco da vocalista galega de jazz Terela Gradín, titulado Lost e no que se rodea de músicos de auténtico luxo.
Segundo informou a discográfica nunha nota, o traballo ofrece unha atmosfera tenue na que brilla especialmente a trompeta, e na que se move ó seu antollo a cantante, á vez que define a sección rítmica como aveludada. O disco, considerado como un reflexo dos "moitos e moi bos exemplos actuais do mellor jazz galego", mostra as posibilidades dunha moza Terela Gradín, cuxo rexistro vocal está aínda por explotar, pero adivíñase unha voz que se aparta das referencias habituais, en referencia a Ela Fitzgerald, Sarah Vaugham, Cassandra ou Betty Carter.
A gravación, dirixida por Pablo Barreiro e efectuada no Conservatorio Profesional de Música de Lugo, inclúe temas propios e versións de composicións de Lennon e McCartney, Miles Davis, Sting e Paco Charlín, unificados estilisticamente polo concepto sonoro do grupo.
Gradín converteuse, a pesar da súa mocidade, en toda unha veterana dos escenarios de Galicia, a través da súa participación en diversos proxectos como a S.E:M. Big Band, e o seu primeiro disco supón un importante salto cualitativo na súa carreira. A voz de Terela Gradín encóntrase acompañada en Lost polo trompetista estadounidense Chris Kase, que colaborou con grandes músicos do jazz como Chick Corea ou Steve Coleman, e co pianista ferrolán Manuel Gutiérrez, considerado como unha das xoias do jazz galego.
|