Coa voz como instrumento a compostelá Terela Gradín está a facerse un oco na escena musical do jazz. O seu primeiro disco “Lost” recolle dúas composicións propias, unha orixinal de Paco Charlín e cinco versións de temas de Cole Porter, Sting, The Beatles e Miles Davis. Nestes días inicia en Santiago a xira de presentación xunto cos outros integrantes do Terela Gradín Quintet.
Se ben a presenza de músicos de jazz con calidade contrastada e proxección nacional empeza a facérsenos cada vez menos estraña na escena galega aínda non son moi coñecidos os exemplos de voces do xénero xurdidas do noso eido. Este é o caso de Terela Gradín, cantante de jazz que está a ser recoñecida pola crítica especializada e que dá agora os primeiros pasos discográficos destacando á fronte dunha formación que comparte con catro músicos experimentados como son Manuel Gutiérrez (piano), Baldo Martínez (contrabaixo), Chris Kase (trompeta) e Ramón Ángel Rey (batería). O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este sábado 14 de abril o concerto de presentación do primeiro disco desta formación, Lost, gravado o pasado ano no Conservatorio Profesional de Música de Lugo e editado polo selo vasco Errabal. O proxecto deste quinteto sae directamente da previa e longa colaboración entre Terela e o pianista Manuel Gutiérrez, membro do grupo Sumrrá, que a dúo xa tocaron en moitas ocasión e que a semana que ven plasmarán a súa colaboración nunha gravación a dúo que poida que despois dea como froito un disco co seu repertorio habitual.
Convencida de que o seu sitio está no jazz Terela iniciouse na súa preparación aos 19 anos na escola de música Studio en Santiago e comezou a poñerse diante do público co quinteto vocal “a capella” Tristáns. Na actualidade, convencida da necesidade de ter unha formación sólida para manexar correctamente o seu instrumento estuda actualmente o segundo curso da especialidade de canto-jazz no Conservatorio Superior de Pamplona. Reivindicativa de máis espazo para o jazz nos medios de comunicación Terela Gradín ten na rede moitas e moi diversas referencias nas que podemos coñecela máis a ela e mesmo escoitar o seu traballo, mesmo a través do seu sitio web oficial (www.terelagradin.com) podemos saber máis desta artista que está a destacar afastándose das referencias máis habituais do jazz vocal feminino e manexando o seu propio estilo cuns altos niveis de calidade e seguridade.
A súa selección achega a esencia do jazz na rede:
Pontejazz
sta é a web do seminario permanente de jazz de Pontevedra. Paréceme moi interesante ver o traballo que están facendo. Cada vez teñen máis alumnos (que están tocando moi ben). Levan a músicos moi bos para facer master classes, graban discos...Están dando un impulso moi grande ó jazz en Galicia. Cada vez hai máis xente xoven tocando jazz, e tocando moi ben.
FreeCode
Este é un novo selo discográfico que hai en Galicia que está sacando moitos discos de músicos de jazz galegos.
TomaJazz
sta é unha web na que podes ver a actualidade do jazz nacional. Hai información sobre concertos, músicos, discos, entrevistas,...
El Club de Jazz
É unha emisora de radio que se emite por internet e tamén nunha radio de México. Pódense escoitar entrevistas, hai reseñas de concertos e de discos..
All About Jazz
Aquí podes encontrar toda a información sobre actualidade do jazz internacional.
|