Víctor Aneiros Band
22.12.2006
X.S. . SANTIAGO
Víctor Aneiros toca a guitarra durante o concerto que ofreceu o ano pasado na praza do Toral de Santiago
FOTO: Viky García
O guitarrista de Ferrol Víctor Aneiros vai tocar coa súa banda esta noite no polideportivo A Xunqueira, en Redondela, a partir das 21.30 horas e o vindeiro sábado día 30 no Auditorio Municipal de Cedeira, ás 21:00 h. Ambas as dúas actuacións chegan logo dunha fin de xira dun ano con bastantes actuacións dentro e fóra de Galicia, algunhas delas en cidades como Béjar, Plasencia ou Torreperogil, probando como medra o eco deste músico zurdo que xa ten posta a mirada en novos proxectos.
Cando tocamos o verán pasado na Praza do Toral en Santiago, o baixista habitual da banda non puido vir e foi substituído por Xacobe Martínez, que agora xa é membro da formación habitual co cal estamos facendo os concertos desta fin de ano, conta Aneiros, que logo de publicar tres discos xa traballa en novo material.
Tras editar Víctor Aneiros and the Blue Notes, chegaron dous traballos editados pola discográfica vasca Gaztelupeko Hotsak, xa como Víctor Aneiros Band, primeiro Live in Montreaux e despois O blues do amencer.
Aínda que a progresión da carreira musical deste galego se centra nesta década, os inicios hai que atopalos nos anos oitenta, cando formou parte de grupos como 39 Escalones ou Blancanieves, aventuras das que rematou algo queimado, tanto é asi que estivo un tempo fóra dunha formación estable ata que, xa nos anos noventa, formou Forcadas Blues Band, onde tocaba o vocalista Germán Lamas, o pianista Fran Rey, o baixista Luís Cuba e o baterísta Pedro Corral. Logo chegou unha formación chamada Atlantic Blues.
Malia que antes dos citados tres discos que Víctor acaba de editar nesta década, hai un traballo que serve como punto de inflexión: Que el blues te acompañe, editado por medio de Cambayá Records, discográfica andaluza coa cal non quedei moi contento porque o disco non tivo distribución máis alá da feita por min. Trátase dunha colección de versións e temas propios, receita que forma parte habitual dos traballos deste ferrolán e que gravou entón con Sergio Vázquez no baixo; José Piñeiro na batería e con Fran Rey como apoio nos teclados.
Total, que na terra do folk, resulta que contra vento e marea negra, avanza a carreira de Víctor Aneiros artellando un estilo persoal no cal o blues con toque rock soa distinto, soa a Noroeste, facendo que o emprego do galego e o inglés nun mesmo concerto sexa algo natural, traballando a prol dunha apertura de estilos que debería servir de exemplo para aqueles que pasan media vida con queixas.
Aneiros fai blues pero é capaz de facer letras que conteñan algo máis que as bágoas de alguén que marcha de viaxe nun tren nocturno deixando atrás unha vida de dor e feridas, unha receita capaz de aludir o Prestige, ou de reivindicar as cores que teñen os montes galegos, eses onde vive e proba as guitarras antes de saír de xira a demostrar que logo de Javier Vargas, a guitarra de power blues ten na súa man esquerda a principal representante no Estado.
E ollo, que vai a máis. Agora traballo nun disco cunha vocalista amiga miña, xuntos estamos a preparar un disco con toques de jazz, blues e folk, levamos dou anos neste proxecto e agora, por fin, vai adiante.
www.victoraneirosband.com.
|