Letrak
DELIRANDO POLA CIDADE
Víctor Aneiros
Pérdete na cidade.
Ten coidado, faino a modo
As rúas desoladas,
As farolas somnámbulas.
O que atopes
colmarate de pánico.
Mirando nas caras cóntanse cadáveres.
O ceo é de algodón de bares.
Están mortas as chemineas.
Os rumores van cansos.
Que revente o tempo.
Quero beber sangue no asfalto.
Rúas que suben e baixan
e se agochan baixo as casas.
Rúas que morden nos pés,
automóbiles afónicos.
Hai pupilas que se licuan
ó darlle volta ás cartas.
Na terraza dun bar,
peitos birollos buscan sorrisos.
Alguén se crucifica,
abrindo unha ventá.
E chegando á esquina
unha sombra tírase ó tranvía.
HOME SOLITARIO
Víctor Aneiros / Marcos Sánchez /
Manuel Gutiérrez / José M. Orjales
¿Como te chamas?,
¿cal é teu nome?.
Non me importa,
pero tampouco me agrada,
espertar con alguén,
que non me fala.
Conteiche as miñas penas
e tamén os meus fracasos
Será o tino,
ou o instinto,
tan longo camiñar
esixe estar bébedo
e pechar por derribo,
denantes dos vintecinco.
Son un home solitario
e necesito axuda
Sucias tabernas,
corazóns solitarios,
ollos rachados,
inxustos calendarios
Por moitas follas que me caian,
seguirei sendo unha árbore.
Argumentos non me faltan,
son un home solitario.v
O pasado é pesado,
fresco por dentro
por fóra rancio.
A vida é unha droga dura.
Acostumado ás letras,
quitareimas a prazos.
Son un home solitario
e necesito axuda
NINGÚN LUGAR ESTÁ LONXE
Víctor Aneiros
Un oito de maio,
ás dez da mañá,
chegan ó camposanto
dous cadaleitos,
A chuvia e o vento
acompáñaos.
Dous homes esperan
para soterralos
A noite anterior,
unha fría habitación.
Ninguén da vila
ó velorio asistiu
Só a miseria
e a esperanza
acompañoulles,
ata que amenceu
Ninguén lles vai chorar
Ninguén lles porá flores.
Nun apartado
dúas cruces cravadas
sobre fondo branco,
dous números en negro.
Ó carón atópase
o luxo e as flores.
E unha lápida que prega,
ningún lugar está lonxe
Ninguén lles vai chorar
Ninguén lles porá flores.
NON ME DEIXES MORRER AQUÍ
Víctor Aneiros
Estou sentado
Xunto a miña maleta
Trato de atopar
Un sitio onde durmir
Tiven unha muller
E un traballo que perdín
Oh Señor!
Non me deixes morrer aquí
esta cidade
Non me quere a min
Collerei un tren
Que me leve onde nacín
Onde o ceo
Ten a cara gris
Cheo de dor
Canso de amor
Oh Señor!
Non me deixes morrer aquí
esta cidade
non me quere a min
vinte anos
pasaron xa
desde que marchei
e se a morte
non me chama
algún día volverei
tapareime a cara
e chorarei
oh Señor!
non me deixes morrer aquí
esta cidade
non me quere a min
NOTA DE BLUES
Víctor Aneiros
Vive nun corner
chamado Ferrol
Érguese moito antes,
sempre ganándolle ó sol
Non é mediodía
Cando chega Manuel
por terceira vez
no día
ó porto do carbón
É unha longa xornada
Nunha nota de blues
Media hora para comer
manteis de papel
Vaia frío ou calor
sempre hai tempo
para café
É unha longa xornada
nunha nota de blues
O BLUES DO AMENCER
Víctor Aneiros / Manuel Gutiérrez
Eran as dúas da madrugada
Sobre as mesas
botellas de champán
con brancas garavatas
de pallaso fatal.
Saín á rúa
silencioso e aterido
con certa indignidade
de bebedor tardío
Camiñando baixo a chuvia
percibia o inverno,
nas rúas abandonadas
máis alá de si mesmas.
Comezaba a amencer
Era o único no hotel
a piques de entolecer
É o blues do amencer
O CEO ESTÁ CHORANDO
Víctor Aneiros
O ceo está chorando
mira as bágoas caer.
O ceo está chorando
por un amor que morreu.
Mira as rúas molladas
de tanto que choveu.
Levanteime esta mañá
rúas húmidas, ceo gris
cruzado baixo a chuvia
por gaivotas suicidas
dende que ela marchou
bebo en bares afastados
A miña vida é un xadrez
de fuxidas e taxis solitarios.
O ceo está chorando
mira as bágoas caer
O ceo está chorando
por un amor que marchou
Espero que o tren das tres
alivie a miña dor
Ó REVÉS CAES OUTRA VEZ
Víctor Aneiros / Fuco Nadales
Os días seguen pasando
e tí só os observas
os sorrisos esvaran
percorres rúas silenciosas
derritense lentamente
milleiros de pasos nos pés
nos bares cúspenche no lombo
ó revés caes outra vez
a cama sempre está desfeita
prantos xeados no aire
hai un baleiro é seco
ó revés caes outra vez
a xarra nunca ten cervexa
o corazón é sinistro
a praia está deserta
ó revés caes outra vez.
PRESTIGE BLUES
Víctor Aneiros
Trece de novembro
día gris de inverno
lenta agonía
na Costa da Morte
afúndese a proa
anegada e cansa
rega embravecida
co ventre cheo de morte
prestige blues
non volvas máis
prestige blues
nunca máis
Escoitanse rumores
abaixo no porto
son as caracolas
que trae o mar de fóra
alguén chora
bágoas de blues
os homes recollen
almas do mar, negra luz.
prestige blues
non volvas máis
prestige blues
nunca máis
O avó ten
os dedos deformados
leva o sal e o vento
nos ollos incrustados
negro sobre negro
no país negado
afogados na burla
a lúa ten sabor a fuel
prestige blues
non volvas máis
prestige blues
nunca máis

