A alma de blues de Ramiro Fonte
Soidades urbanas atópanse nos bares de noite en "Brétemas da memoria", o novo disco de Víctor Aneiros
| Iturria: | Galicia Hoxe |
| Eguna: | 2010/05/11 |
A soidade das cidades. A noite. A lembranza da infancia. O tempo pasado. O lugar de orixe como patria emocional. Son alicerces de Brétemas da memoria, o quinto disco de Víctor Aneiros, que nunhas semanas chegará ás tendas. Un traballo que afonda na alma de blues do poeta Ramiro Fonte (1957-2008).
No teu anterior disco, "Heroe Secreto", musicaches a Rosalía de Castro, Luís Pimentel e Amado Carballo. Tamén estaba xa Ramiro Fonte, co tema "Na barra"...
Si. Descubrín a Ramiro tarde, e penso que é un dos grandes escritores contemporáneos en galego. É un poeta moi urbano, e para un músico urbano que fai rock-blues coma min... Lin moitos libros del, e penso que era un moi bo intérprete da vida nas cidades: exploraba a soidade as cidades coma ninguén. Ademais eu son de Ferrol, e Ramiro viviu en Ferrol... A miña relación con el foi só telefónica: pedinlle a letra para facer Na barra, e despois el xa enfermou moito...
O título do disco é un verso do tema "Sirenas de policía"...
Si. Escollino porque reflicte o que é o disco. Nun principio non ía ser un disco dedicado a Ramiro, pero cada vez ía engadindo máis poemas del... A letra dun dos temas, Axúdame, é doutro escritor, Xosé Carlos Caneiro, que escribiu unha historia de amor para o meu disco. Caneiro, coma Ramiro, fala da soidade na cidade... O disco inclúe ademais dous temas instrumentais: Canido blues, que ten que ver coa volta á infancia -Canido é o meu barrio-, e Bule Bule, que podería ser un reflexo dos anos tolos de Ramiro...
Este disco soa máis pausado que o anterior... Melancolía é unha palabra que se repite moito...
É que un vai maior... (ri). Non é un disco triste, de todos os xeitos. Pero no anterior o meu xeito de cantar era máis agresivo. Neste tento que se entenda ben o que digo, é máis lírico e coral. Non é tanta guitarra... E ás veces nin canto, senón que falo... Segue na liña do anterior, pero é distinto...
Ten varias colaboracións...
Os músicos son os de sempre, da banda: Manuel Gutiérrez (teclados) de Sumrrá, Marcos S. Yáñez (batería) e Víctor Gacio (baixo). Ademais colaboran neste disco Javier Vargas, que fai un só de guitarra en Axúdame, Mauri Sanchís, que se move no ámbito do jazz-funki e tocou con xente como Kepa Junkera, e Roberto Somoza, saxofonista, que fixo os arranxos de metais. Tamén colaboran José Somoza (trompeta), Fernando Froján (trombón) e Javier Díaz, que toca o acordeón no tema Máis alá, que fala sobre a fronteira con Portugal...
TEMAS
As películas dos 40, os anos estudantís, os barrios de prostitutas
As letras de sete dos dez temas do disco son textos de Ramiro Fonte. Autor de westerns é unha homenaxe a John Ford, Sirenas de policía recrea o ambiente das películas dos anos 40 -un disparo na noite, o símbolo tan utilizado por Ramiro da Ofelia afogada-, Vida Bohemia expresa a nostalxia pola xuventude tola perdida; como Sombras de Compostela sobre os anos estudantís... O mundo da noite, as soidades encontradas nos bares, os barrios da prostitución... poboan as letras. Do Pombal de Santiago o poeta pasa ás cabinas de Londres con anuncios de prostitutas en Lupanar de Cristal, Un tute á morte achéganos a un mozo suicida...
TRAXECTORIA
A andaina desde o 1999
Víctor Aneiros iniciou a súa carreira en solitario en 1999, co disco Que el blues te acompañe. Despois viñeron, no 2003, Live in Montreux, no 2004 Blues Do Amencer, integramente en galego, e no 2008 Heroe Secreto.

